O MELLOR AMIGO DA CAMARIÑA

Tódolos seres do mundo facemos paisaxe, e os xeitos en que se pode participar na súa conformación poden ser do máis diversos e ás veces sorprendentes.

Plantas e animais teñen moito que dicir neste asunto, e con frecuencia deciden colaborar, beneficiarse mutuamente, para aumentar as súas opcións de sobrevivir e deixar descendencia. De todos é coñecida a importancia de moitos insectos na polinización das plantas, eles levan comida (polen ou néctar) e elas asegúranse a fecundación. Pero ignoramos a miúdo outras estratexias de cooperación entre especies que resultan fundamentais para a súa existencia, como por exemplo a dispersión das sementes por determinados animais.

Un exemplo moi ilustrativo deste tipo de relacións témolo nunha das plantas máis senlleiras da nosa costa, a Camariña (Corema album). Este singular arbusto, cada vez máis escaso nos nosos areais, depende en boa medida para a súa dispersión e xerminación do atractivos que resulten os seus froitos para un bo número de animais. Paxaros coma os merlos, gaivotas, pardais e corvos, ou mamíferos coma os coellos, raposos, teixugos, xabarís e mesmo ourizos, son eficaces diseminadores das sementes contidas nos seus froitos. O paso das sementes polo tracto dixestivo destes animais aumenta a eficacia da xerminación, e por outra banda permite que as novas camariñas poidan medrar lonxe dos seus pais, evitando a competencia polo espazo e polo alimento cos seus proxenitores e permitindo que colonicen novos lugares, favorecendo así a recuperación da outrora ampla área de distribución da camariña nas nosas costas.

Pero sen dúbida o mellor cómplice da camariña nestas cuestións é o Lagarto Arnal (Timon lepidus). Trátase do maior lagarto da Península Ibérica, podendo superar os 75cm de lonxitude no caso dos machos, e presenta nos costados unhas fermosas manchas azuis que o converten nun animal moi vistoso. Este magnífico saurio, aínda relativamente abundante na Costa da Morte, muda a súa dieta a finais do verán para incorporar froitos, e xusto nesta época é cando resultan máis abondosas as drupas da camariña. Cabe dicir que os froitos teñen un sabor doce e moi agradable, pero tamén recordarvos que se trata dunha planta xa moi escasa, e facémoslle un fraco favor se os apañamos. Será polo seu feiticeiro sabor, ou seguramente polas súas propiedades nutritivas, que o lagarto cobiza por eles, consúmeos activamente, e parece ser o máis eficaz liberando as sementes da súa cuberta protectora, co que aumenta máis que ningún outro animal a probabilidade de que xerminen e broten novas camariñas.

De aí que a saúde das poboacións de camariña tamén dependa en boa medida da presenza do lagarto arnal. Moitas das ameazas que sofre a camariña tamén as padece o lagarto, a destrución dos sistemas dunares pola urbanización do litoral, as cada vez máis numerosas infraestruturas, os paseos marítimos e sen dúbida as plantacións de piñeiros e eucaliptos a pe de costa, son responsables de que as camariñas sexan cada vez máis raras de atopar, e tamén afectan negativamente á supervivencia dos lagartos. Pero outras ameazas que a priori non parecerían prexudicar ás camariñas, como a presenza cada vez máis habitual de gatos nas matogueiras e areais costeiros, consecuencia directa da construción de vivendas preto do mar, ou a expansión do visón americano, por escapes das granxas peleteiras, fan que o seu mellor aliado  sexa cada vez máis escaso, o que repercute negativamente na viabilidade da planta que lle da nome a un dos nosos máis fermosos concellos.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s