A ÁRBORE SEN ESPÍRITO

En Costa da Morte, como en practicamente todo o litoral galego e boa parte do interior, as plantacións forestais modificaron drasticamente a paisaxe dos nosos montes. Outrora bosques caducifolios atlánticos, cheos de colorido, diversos, heteroxéneos, indicadores do paso das estacións, repletos de vida e de maxia, fogar de trasnos e fadas, hoxe conforman unha paisaxe escura, monótona e uniforme, cunha estrutura e xeometría que reflicten o que en realidade son, bosques industriais, cas árbores apiñadas, todas da mesma altura, plantadas seguindo liñas perfectas, todas da mesma cor, cunha disposición e aparencia que en nada recordan a un sistema natural.

Eucaliptal

Ca chegada do outono, paradigma da diversidade cromática do bosque autóctono nas nosas latitudes, non podemos deixar de sentirnos profundamente embargados por unha sensación de tristeza, de perda, de que nos roubaron as estacións. En oposición á espectacular beleza que nos brindan as nosas costas, cando botamos a ollada cara os montes non esquecemos que o bosque xa non está, levárono.

Outono no bosque atlántico

Outono no bosque atlántico

Un dos maiores protagonistas dese secuestro é sen dúbida o eucalipto, segundo o último Inventario Forestal Nacional esta árbore exótica ocupa en Galicia preto de 290.000 hectáreas de masas puras, e unhas 450.000 hectáreas se lle sumamos a presenza de eucalipto mesturado con outras árbores (MAGRAMA 2011). Para que nos fagamos unha idea, esta superficie equivale á totalidade da provincia de Pontevedra, e o imparable avance desta invasión está lonxe de remitir (en 1998 as masas puras de eucalipto ocupaban 175.000 hectáreas). No mapa que mostramos abaixo compróbase a masiva implantación de eucaliptos en Costa da Morte (manchas de cor azul, e azul punteado con negro; Fonte – Información Xeográfica de Galicia, Xunta de Galicia).

Eucaliptos en Costa da Morte

Os valores truncados polos eucaliptais non atinxen unicamente á estética da paisaxe, senón que engloban tamén aspectos ecolóxicos non suxeitos a percepcións subxectivas. Os impactos ambientais do eucalipto son moitos e moi notables, demasiados para sequera esbozalos nesta pequena entrada. Baste con mencionar que a diversidade de organismos nunha plantación de eucaliptos é moi inferior á presente nun bosque natural. Isto pódese explicar de xeito sinxelo se partimos da base das cadeas alimentarias, os únicos insectos herbívoros capaces de alimentarse das follas do eucalipto son insectos exóticos importados de Australia, como o Gonipterus scutellatus, polo tanto a enerxía que pode pasar aos niveis tróficos superiores é moi limitada en comparación co que sucede nun bosque autóctono, onde temos unha enorme variedade de insectos herbívoros, e en consecuencia unha diversidade biolóxica moi superior de aves, anfibios, réptiles, mamíferos, artrópodos, etc. No tocante á diversidade vexetal tamén é inferior á que podemos atopar nun bosque de carballos, pois as follas do eucalipto liberan sustancias que inhiben a xerminación e o crecemento doutras especies, e cando caen da árbore son moito máis difíciles de descompoñer polas bacterias, fungos ou vermes, co que hai menos nutrientes dispoñibles para as plantas. Se a isto lle sumamos os tratamentos que se fan con herbicidas, as rozas e as quendas de corta reducidas (arredor de 15 anos para obtención de celulosa), engadido á intensa captación de auga polo eucalipto, o resultado son cultivos forestais con pouca variedade de plantas.

Gonipterus scutellatus

Gonipterus scutellatus

Algo que tampouco nos pasa desapercibido ós galegos é o inflamable que pode resultar unha plantación de eucaliptos. De feito trátase de árbores pirófitas, é dicir, que empregan o lume como estratexia para dominar e expandirse. Os eucaliptos teñen unha elevada capacidade de rexeneración e colonización tras un incendio, e a calor dos lumes tamén favorece a apertura das cápsulas que conteñen as sementes. Todos de seguro que puidemos comprobar algunha vez cómo tralo lume as primeiras árbores que rebrotan, de forma masiva e rapidísima, ocupando case que toda a superficie queimada libre de vexetación, son os eucaliptos. Será por esta asombrosa capacidade de invasión dos ecosistemas naturais, pola indubidable mingua dos valores ecolóxicos, ou polos terribles problemas socioeconómicos aos que se tiveron que enfrontar moitas comunidades indíxenas do Brasil ca chegada masiva das plantacións de eucalipto nas súas terras, que algunhas o bautizaron como “A árbore sen espírito”, o que revela o saber ancestral destas sociedades onde vida e natureza seguen a ser sinónimos. Esta concepción tristemente fica nas antípodas da mercantilización integral á que sometemos na actualidade ó noso territorio.

regeneracion eucalipto

Rexeneración de eucaliptos tras un incendio

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s