A PRODIXIOSA DIVERSIDADE DAS AVES DO LIMO

Chegadas estas datas, nas rías da Costa da Morte temos a sorte de recibir a visita dunhas aves moi especiais, que enriquecen a nosa paisaxe litoral. Coñécense polo nome de Limícolas, denominación que nos indica a súa preferencia por lugares asolagados con presenza de limos. Este grupo de paxaros é un dos máis fascinantes e atractivos para os afeccionados e estudosos da ornitoloxía, debido a varios motivos, o primeiro seguramente se relacione ca súa abraiante capacidade migratoria, poden recorrer enormes distancias entre as zonas de cría e as zonas de invernada, cando son máis comúns na nosa costa, e o segundo ten que ver cos lugares que ocupan, os humidais, que supoñen espazos abertos cunha boa visibilidade para poder observar a espectacular variedade morfolóxica que amosan, con moi diferentes picos, patas, cores e tamaños. A continuación deixámosvos algún exemplo para que apreciedes esta pluralidade.

Haematopus ostralegus

Gabita Haematopus ostralegus

Este inconfundible paxaro é a Gabita, que utiliza ese espectacular bico, longo, recto e alaranxado para capturar e perforar os moluscos que quedan expostos ca marea baixa. Estes fortes peteiros permítenlles desprender a golpes gasterópodos ferreamente incrustados nas rochas, como as lapas, se ben devecen sobre todo polos mexillóns e os berberechos.

Numenius arquata

Mazarico Curlí Numenius arquata

Para bicos espectaculares, o do Mazarico Curlí, a limícola máis grande que podemos atopar en Galicia. O de curlí fai referencia ao reclamo que emiten con moita frecuencia, algo así como “cur-lii”, que constitúe un dos sons máis característicos das nosas rías durante o inverno. O seu longo peteiro, que pode chegar a superar os 15cm de longo, permítelle sondar a lama en profundidade, introducindo o bico total ou parcialmente, e atopar así vermes, crustáceos ou moluscos que viven soterrados no fondo.

Limosa lapponica

Mazarico Rubio Limosa lapponica

Desta vez vedes que o bico está lixeiramente curvado cara arriba. O Mazarico Rubio é unha das aves migradoras máis abraiantes do planeta, sirva como exemplo unha viaxe rexistrada dende Alaska ata Nueva Zelanda, na que un individuo percorreu máis de 11.000 km en 8 días, ¡sen parar!. Ao igual que o Mazarico Curlí pode sondar o limo en profundidade co seu longo peteiro, pero desta vez está deseñado para capturar outro tipo de presas, que pode detectar polo tacto grazas a unhas terminacións nerviosas que posúen na punta do peteiro.

Charadrius hiaticula

Píllara Real Charadrius hiaticula

E para finalizar, un paxariño moito máis pequeno cos anteriores, a Píllara Real, que semella un boneco de peluche do máis riquiño. Agora no inverno ten unha plumaxe máis apagada que o exemplar da foto, que se presenta todo galán para o cortello. Como son moito máis pequenos que os anteriores, cas patas e o pico moi curtos, non poden introducirse en augas moi profundas, polo que teñen que despregar unhas técnicas de alimentación ben diferentes. Neste caso a Píllara vai coller as súas presas usando a vista, e agardando ao asexo. O método chámase de “carreira – pausa”: o que fan é esprintar, parar en seco e localizar a presa pola vista ou polo oído.

Rías como a de Corme e Laxe, a de Camariñas ou a de Corcubión son lugares moi produtivos, proporcionan gran cantidade de alimento a estes paxaros. Se a isto lle engadimos as diferentes formas e lonxitudes dos seus peteiros e patas, o que permite que se distribúan por diferentes zonas dun mesmo humidal, o resultado é que podemos atopar moitas limícolas nunha mesma ría. Así estas aves forman decotío bandos moi variados, con distintas especies, o que lles serve para confundir aos posibles depredadores e investir menos tempo na vixilancia para ocuparse da feito a comer. Moitos de vos de seguro que tendes unha zona húmida preto da casa, así que ¡¡animádevos a descubrir estas xoias da natureza!!

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s