Disque non existe a paisaxe muda, que só temos que pechar os ollos e afinar outros sentidos para comprender que do mesmo modo que o aceptamos coa vista, cada escenario muda cos sons que lle son propios. En Corme (Ponteceso) deron en bautizar a súa batida punta percebeira como “O Roncudo”, gabanza ó asubío dos ventos e ó persistente rouco do mar, que tanto ten por estas costas de hipnótico como de ameazante. O son traizoeiro descrito nos relatos dende antigo por tódalas culturas do mar, cantos de sereas, resón de furnas encantadas e outras melodías de perigoso feitizo.
No alto do Cabo outra aldea leva o mesmo nome, trátase da nosa esquecida aldea do Roncudo, designio ou broma do destino, tampouco aquí atoparemos silencio… ó acougar o ar, escoitaremos o run- run persistente neste caso das modernas turbinas.
Abandonada progresivamente nas últimas décadas polos seus moradores, houbo quen atopou no azoute dos ventos nestas serras un uso máis prosaico, envolvendo a vella aldea con xigantes feros como sentiría aquel romántico incomprendido, atrapando o lugar nun desmesurado parque eólico paradigma da soberbia progresista fronte a cultura tradicional e a calidade de vida das poucas familias que de resistir historicamente os embates do tempo, e a dureza da vida, curtíronse en todo menos na idea de esquecer e de aceptar que xa non quedan cativos para encher de vida os seus rueiros, aínda menos mal que chegan turistas e sendeiristas – nos contan – para darlle alegría á aldea de cando en cando. Sen establecementos de servizos, queda claro que neste caso o turismo non reportará lucro económico, tal vez sexa este un bo exemplo para que alguén tivera en conta o factor humano e o proveito dunha boa conversa nos plans de xestión e desenvolvemento.
Na aldea do Roncudo é tempo de esfollar o millo e encher os cabazos de gran para as pitas. Chama a atención o labrado dos campos para os poucos habitantes que aínda os atenden, debe ser que cumpre non deixar de celebrar a case milagreira fertilidade da terra nun outeiro tan exposto á climatoloxía. A vocación agraria amósase na alta concentración de hórreos esparexidos entre as hortas, aínda que a tipoloxía arquitectónica labrega teña que adaptarse ás condicións extremas, procurando a congregación de vivendas como se de vila mariñeira se tratase, sen erguerse demasiado e consolidando a conciencia os elementos máis vulnerables, que para iso na zona ben poden presumir de rexia cantería e dun saber construtivo afeito ós rigores atlánticos.
Bo consello seguen aqueles que na súa intención de rehabilitar as vivendas toman nota de todo o aprendido, como tamén sería de agradecer o desenvolvemento de actividades respectuosas coas xentes que aínda ocupan as súas aldeas. Xentes que resisten o embate destes tempos tan estraños, como resistiron secularmente as borrascas, merecedoras dunha paisaxe sonora onde os protagonistas segan a ser o rouco do mar e do vento, e de que as nosas aldeas da Costa da Morte non queden no esquecemento.
Pingback: Unha viaxe á paisaxe esquecida das aldeas abandonadas da Costa da Morte | Que pasa na costa
Moitas grazas polo voso interese, para nós é moi gratificante comprobar que na comarca existe consciencia da perda do noso valioso patrimonio cultural. Ogallá serva sequera como graniño de area para non esquecer a nosa verdadeira identidade.
GústameGústame