O GRAN PROSCRITO DA COSTA DA MORTE

Con este encabezado queremos facer unha pequena homenaxe ao que para nós foi o mellor divulgador da fauna ibérica, o maxistral Félix Rodríguez  de la Fuente, que empregou o acertado termo de “proscrito” para referirse ao protagonista da nosa historia de hoxe.

Felix

Félix Rodríguez de la Fuente en boa compaña.

Poucos elementos do noso acervo natural e cultural provocan tantos sentimentos encontrados como o lobo. Dende que o home se converte en gandeiro, hai uns 10.000 anos, o lobo pasa de ser considerado un animal totémico a transformarse nun competidor problemático. Isto derivou nunha escura mitoloxía na que se lle atribuíron tódolos vicios e defectos humanos, que foi transmitida durante xeracións acabando por trocar o medo en odio. Este legado transformou ó lobo nun símbolo e referente cultural dos pobos do hemisferio norte, bagaxe que aínda perdura e que provoca que o noso gran depredador non deixe indiferente a ninguén, fonte dos odios máis intensos ou das veneracións máis exacerbadas.

Bestia de Gévaudan, truculenta historia acaecida en Francia no S. XVIII

Bestia de Gévaudan, truculenta historia acaecida en Francia no S. XVIII

A nosa benquerida Costa da Morte, suma aos seus numerosos atributos o privilexio de constituír a única zona con presenza estable de lobo xunto ao mar na Península Ibérica. Trátase dunha poboación pouco estudada que conta, segundo as escasas estimacións feitas, de 3 a 6 manadas nun área bastante grande, que vai dos montes de Ponteceso polo Norte, estendéndose por case que tódolos concellos da bisbarra, ata chegar a Carnota polo sur.

Foxo do lobo, Camariñas

Foxo do lobo, Camariñas

Frecuenta na nosa zona os montes do interior, zonas con grandes extensións de repoboacións forestais con especies alóctonas, matogueiras e praderías, e as serras litorais menos ocupadas polo home. Nestes lugares atopa refuxio durante o día, lugares onde parir, e permítenlle desprazarse sen ser visto, pero debido á baixa calidade destes hábitats non atopa suficientes presas salvaxes para se alimentar, a escaseza de ungulados silvestres obrígao a recorrer con frecuencia ao consumo de gando doméstico, fundamentalmente en forma de prea: restos de granxas avícolas, porcinas ou cadáveres de gando doméstico. A tentación da presenza de gando en réxime extensivo sen ningún método preventivo é grande, e provoca que existan algúns danos, que afectan con todo a moito menos do 1% da cabana gandeira que pasta libre nos montes. Os danos ao gando dependen moito máis do seu manexo que da abundancia de lobos, pero serven de pretexto para sometelo a unha intensa persecución.

lobosmuertos

Hoxe en día a situación do lobo na Costa da Morte é moi delicada. Afronta numerosos problemas que poñen en serio perigo a súa viabilidade: sofre unha intensa caza LEGAL, sobre todo nas batidas autorizadas para xabaril e raposo, o furtivismo segue a estar moi presente, xa se trate de disparos ilegais, lazos ou uso de veleno sobre reses mortas. A proliferación de infraestruturas destrúe e fragmenta aínda máis o seu precario hábitat, facendo moi difícil que as manadas se poidan alimentar, reproducir ou desprazarse polo territorio : estradas, autovías, infinidade de pistas forestais, parques eólicos, etc. Os incendios forestais e os atropelos tamén supoñen unha seria ameaza, ao que teríamos que engadir os medios de comunicación, que fomentan o sensacionalismo e o medo aos grandes depredadores, instrumentalizando con frecuencia ao lobo como ferramenta electoral.

Obras na autovía da Costa da Morte.

Obras na autovía da Costa da Morte.

Se somos quen de conservar o lobo, de xeito que sega a ser funcional nos ecosistemas, conservaremos os hábitats e a fauna silvestre que lle serve de alimento. O seu papel no ecosistema é fundamental para moitas outras especies, sendo a súa presenza moi beneficiosa para a conservación e a recuperación da biodiversidade: sanea as poboacións das súas presas, regula o seu número, controla a abundancia de depredadores máis pequenos, contribúe á recuperación da vexetación, protexe da erosión as ribeiras dos ríos, proporciona zonas de concentración de nutrientes, e un longo etcétera que fan do lobo o que se denomina unha especie clave. A perda do lobo non soamente supón un profundo empobrecemento do noso medio natural, senón tamén a perda do espírito libre, indómito e salvaxe do último gran depredador que nos queda, con el marchará para sempre a maxia do infatigable cazador que endexamais consentiu ser domesticado.

comiendo un ciervo

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s