O ANLLÓNS, FONTE DE VIDA

As terras de Bergantiños, unha das comarcas con maior personalidade da Costa da Morte, débenlle boa parte da súa riqueza natural ás augas do Anllóns. Este río, cuxo nome deriva dos grandes meandros que forma no seu último tramo, drena os concellos de Cerceda, Laracha, Carballo, Coristanco, Cabana e Ponteceso, enchendo de vida ao seu paso ribeiras, montes, campos, praderías e cultivos de sobrado renome, como as patacas de Coristanco, as fabas de Ponteceso ou o trigo que lle da sona ó pan de Carballo. De feito a eminente fertilidade destas terras converteu a Bergantiños nun dos tradicionais celeiros de Galicia.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Muíño da Saimia, Ponteceso

Ten o seu nacemento nas proximidades da Fonte de Quenlle da Grela, nos montes do Xalo, a máis de 400m de altitude, e percorre preto de 55km ata desembocar nun espectacular esteiro, na ría de Corme e Laxe, un dos espazos naturais máis valiosos de toda a costa galega, que ben merece un capítulo aparte.

3Esteiro do Anllóns

Esteiro do Anllóns, dende o Monte Branco.

Este sinuoso curso de auga acolle unha gran diversidade biolóxica, que reafirma a identificación que dende sempre se fixo do río ca vida. Os seus bosques de ribeira, fundamentais no funcionamento do ecosistema acuático, dominados por ameneiros, freixos, abeleiras, loureiros e salgueiros negros, achegan cas súas follas e restos vexetais o alimento primordial dun inxente número de invertebrados. Entre eles destacan sobre todo as larvas de insectos que viven no fondo do río, onde a velocidade da corrente é máis baixa, con formas de vida do máis asombrosas, como por exemplo os tricópteros, que constrúen estoxos a modo de casiña para se protexer, ou redes para atrapar os materiais en suspensión que arrastra a auga.

4estoxo tricoptero

Tricóptero no seu estoxo

5Red tricoptero

Rede de tricóptero

Entre os insectos temos tamén notables depredadores, algúns chegan a cazar mesmo pequenos peixes, como por exemplo as larvas das nosas coñecidas libélulas. Pero estas larvas non se libran do voraz apetito das troitas e reos, dous salmónidos que gozan de boas poboacións no río Anllóns. O terceiro e máis cotizado, o salmón, outrora moi común nestas augas, extinguiuse fai unhas décadas, debido principalmente á construción de presas que lle impedían remontar o río. Hoxe en día está sendo obxecto dun ambicioso plan de recuperación e agardamos velo pronto brincando de novo augas arriba, nesa agónica epopea ata acadar as áreas de freza.

6larva libélula pescando

Larva de libélula pescando

7Salmon rio arriba

Salmóns río arriba

Boa mostra da formidable riqueza do Anllóns é a presenza da lamprea, que tamén atopa numerosas dificultades para remontar o río na súa viaxe procedente do mar, ou a xa escasísima angula, cría da anguía, manxar prohibitivo que figura en perigo crítico de extinción a nivel global.

8Lampreas no leito do río

Lampreas no leito do río

Ademais dos peixes, moitos son os organismos que dependen do río para sobrevivir. Temos na conca do Anllóns anfibios ameazados, como a Píntega Rabilonga, de aspecto delicado e amante das correntes rápidas e limpas, atopamos tamén serpes nadadoras como a Cobra de Colar, suxeita á humidade que lle proporciona o río e ávida depredadora de rás e sapos. Para habitantes sorprendentes, ningún como a estrañísima Auganeira, pequeno mamífero insectívoro que indica a presenza de augas limpas e ben osixenadas, posuidor dunha graciosa trompa ca que detecta as vibracións baixo a auga que producen as súas presas. E poderíamos seguir así, indefinidamente, falando das Lontras, Ratas de auga, Galiñolas, Garzas Reais, Picapeixes, Merlos Rieiros, Lavandeiras Reais, e un longo etcétera e nin sequera nos aproximaríamos a albiscar unha parte da extraordinaria riqueza natural que reúne o Anllóns. Temos, como vedes, un verdadeiro tesouro, e a nós nos corresponde a tarefa de o salvagardar.

9Píntega rabilonga

Píntega rabilonga

10 Xuvenil Cobra Colar

Cobra de colar, xuvenil

11auganeiro

Auganeira

12Picapeixe

Picapeixe

Para finalizar, e a modo de homenaxe, deixámosvos unha canción dos Poetarras que reivindica a importancia que ten para as xentes de Bergantiños este fermoso río, e tratar así de contribuír, dalgún xeito, a que deixe de ser un gran descoñecido.

https://www.youtube.com/watch?v=jqbHB4OaRMQ

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s