OS PRESENTES DO MAR

Atopámonos en plena época de temporais, de fortes ventos e mares axitados, paradigma dos románticos amantes da bravura destas costas nas que a esencia do Atlántico se manifesta con máis forza. Trátase tamén dunhas datas ideais para satisfacer os intereses dos espíritos máis curiosos, ou para sorprender a calquera paseante distraído. O paso destas tempestades invernais, deixan toda clase de materiais de diversa natureza nas praias e rochedos do noso litoral, o que supón un excelente aliciente para descubrir durante os escasos días de calma que seguen aos temporais os segredos que cuspe o mar.

1 Arribazon Brañ de Lazo Arou

Arribazóns na Praia de Braña de Lazo, Arou

Un dos fenómenos máis rechamantes que se soen dar nesta tempada é a aparición de animais mariños en terra, xa sexa mortos ou extenuados. De feito a Costa da Morte é de lonxe a rexión galega con máis encallamentos, observándose tódolos anos cetáceos, focas, ou mesmo tartarugas mariñas arrastradas ata aquí polo empuxe das ondas.

Un dos invernos máis prolíficos neste aspecto foi o do 2014, onde vararon varios Lobos Mariños Cincentos (Halichoerus grypus), seguramente procedentes da populosa colonia de cría das Illas Británicas. Trátase polo xeral de crías, xuvenís ou exemplares enfermos, que chegan moi debilitados á costa, polo que se tedes a sorte de ver algún procurade non molestalos nin causarlles estrés, e chamade ao 112 para que o persoal do CEMMA acuda ata o lugar.

2 Foca gris punta nariga 2012 Felipe Sar

Lobo mariño en Punta Nariga, 2012. Foto Felipe Sar

3 cria lobo mariño Mar de Fóra 2014, Foto Luis Castro

Cría de Lobo Mariño, Mar de Fóra 2014. Foto Luis Castro

Ese ano tamén nos deixou numerosos cetáceos varados. En augas galegas contamos con máis de 20 especies destes mamíferos, e raro é o ano que non embarranca algún golfiño ou algún caldeirón,  mais hai invernos nos que o mar deixa en terra cadáveres dos seus meirandes moradores, como o Cachalote (Physeter macrocephalus) encallado en Malpica no 2012, ou o impresionante Rorcual Común (Balaenoptera physalus) varado finalmente nas costas de Corcubión no 2014.

4 cachalote Malpica play de Beo 2012

Cachalote na praia de Beo, Malpica 2012

5 Rorcual comun Corcubion 2014 Foto Marcos Rodríguez

Rorcual común, Corcubión 2014. Foto Marcos Rodríguez

Máis sorprendente se cabe é a aparición de tartarugas mariñas nas nosas praias. As máis comúns, se ben se trata de feitos pouco frecuentes, son a Tartaruga de Coiro (Dermochelys coriacea) e a Tartaruga Común (Caretta caretta), todas elas moi ameazadas, que chegan habitualmente laceradas por algún aparello de pesca nos que a miúdo quedan atrapadas.

Pero non é preciso acudir a estes atípicos eventos para que o noso paseo pola costa deixe de ser produtivo. As praias e os areais son lugares ideais para descubrir toda clase de restos de organismos mariños depositados na beiramar. Se andamos atentos non será difícil observar postas de ovos de distintos animais, ben soltas ou sobre outros obxectos. De seguro que todos vimos algunha vez as cápsulas cadradas dos ovos das Raias (Raja spp), con catro esquinas das que saen unhas prolongacións que axudan a se manteren suxeitas ás algas. A súa cor orixinal é parda, pero ó ir secando na area tórnanse negras. Moi similares, pero máis pequenas e cun dos extremos máis redondeado, son as postas do Melgacho (Scyliorhinus canicula), esa pequena quenlla de augas pouco fondas que ten a pel tan áspera que é obrigado pelala antes de cociñala. Tamén resultan do máis curioso as postas do Choco (Sepia officinalis), que semellan un acio de uvas tintas, xeralmente fixadas ás ramiñas dalgún alga.

Se falamos de cunchas, as do Choco son ben coñecidas por todos, trátase dunha cuncha interna moi lixeira, que lle serve á Sepia para regular a súa flotabilidade. As cunchas dos moluscos aportan a maioría dos materias arribados, sobre todo as dos bivalvos, ata tal punto que cando se atopan finamente trituradas pola acción do mar pasan a formar parte da area da praia. A súa variedade é enorme, e permite coñecer a composición das comunidades submareais destes animais. Para os máis profanos non será difícil diferenciar polo seu gran tamaño cunchas comúns e xeralmente abundantes como as da Arola (Lutraria lutraria), o Ameixón (Callista chione) ou o Marolo (Acanthocardia aculeata).

O catálogo destes materiais arribados é como vedes extensísimo, destacando as partes duras de toda clase de organismos mariños, como os caparazóns das distintas clases de ourizos, ben recoñecibles, cranios e ósos diversos de aves mariñas, ou mesmo animais sésiles que aparecen fixados a obxectos flotantes do máis variado. Algúns destes sorprenden polo seu parecido co apreciado Percebe, de feito hai quen os chama Falsos Percebes (Lepas anatifera), pero teñen nulo valor comercial a pesar de ser comestibles. Tamén é moi característica a grande cantidade de buratos que presentan moitos dos madeiros arribados polo mar, trátase das galerías que escava unha especie de molusco perforador, a Broma (Teredo navalis), que ata a aparición das pinturas antiincrustantes supuxo un problema moi serio para as embarcacións de madeira.

 

 

17 lepas anatifera Alberto lopez

Falso percebe. Foto Alberto López

18 Broma

Galerías escavadas pola Broma

Como vedes, esta infinidade de elementos depositados polo mar son un exemplo da súa abraiante riqueza, e unha mostra permanente da constante e necesaria transformación da materia e a enerxía, nun ciclo universal imprescindible para a continuidade da vida.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s