As aldeas do esquecemento na Costa da Morte. Cap.4 O lugar de Frexufre, Canduas (Cabana de Bergantiños)

Sucede que ás veces para conseguir que a vida nos sorprenda tan só debemos saírnos por un momento do camiño trazado.

No límite parroquial de Canduas a estrada avanza apresurada cara terras de Laxe, un cartel que promete praias fermosas e feiticeiras acelera a marcha ignorando aquel vello desvío a un deses Macondos costeiros onde a persistente explosión de cor, a cantareira auga dos seus mananciais e as prohibidas froiteiras, prontas en flor, acordan sempre a primavera. O sitio chamado Frexufre, segundo algúns en gabanza a esas maxestosas árbores de ribeira que son os freixos, tan soberbios e empolados como promete a propia historia do lugar, ocúltase entre ramallas e a ignominia dunha senda esquecida.

reduc1reduc2

Din, os que recordan, que polo lugar pasaba un camiño chamado real. Sen documento que o avale, podemos sen embargo imaxinar o tránsito dos arrieiros cargados de sardiña para o abasto de Castela, actividade testemuñada como moi lucrativa para a vila de Laxe ata épocas modernas. Moitas outras cavilacións puideramos sospeitar sobre o percorrer desta vía, mais non será este o momento de repensar a historia senón de reclamar a necesidade de coñecela.

De visitar a aldea, os afeccionados aos rompecabezas históricos atoparán valorosísimos detalles para iniciar a pescuda. Heráldica e inscricións serán máis que proveitosas na recuperación da memoria deste recuncho do mundo, datas e nomes insculpidos en rexia cantería como a que asina Don Rodrigo de Leis en 1764.

reduc3reduc4

Pero a paisaxe, tal como é materia está en constante cambio, e así o conxunto de casas señoriais que reciben ó visitante xa non presentan a fachenda de antano. Contan que nunha destas, a que presenta as xambas máis soberbias, improvisouse un pombal na obsesión dun excéntrico mestre en acadar a hibridación da pomba perfecta. Aquela outra de monumental cheminea, serviría asemade de acubillo para os anos e ovellas da pradaría, aínda non vai moito tempo.

Na parola aseveran, que o quebrado conxunto aínda levanta a cobiza de quen especula coa  turística costa á que se asoma, no tanto os herdeiros resístense a vender as súas lembranzas e cando a tensión aperta, ven o vello patriarca ascender ó alto do promontorio para embeberse de paisaxe e esquecer as penas divagando acaso, sobre a curvatura da terra no inalcanzable horizonte azul.

reduc5reduc6reduc7reduc8

Rueiro abaixo, o presente de Frexufre revélase entre mel, colleitas varias e exóticas flores de invernadoiro, aposta decidida da única familia que resiste afincada a un val de prodixiosa abundancia. A partires deste punto, o paseo dificúltase entre pasos cortados e espesa vexetación, deberemos aquí servirnos do oído para procurar a senda á beira do seu sonoro regato. Entre saltos de auga e testemuñas de muiñadas, atopamos como algunha destas construcións semellaran seguir listas para iniciar a moenda, e deste modo entre cantos e perfumes de xenxibre, continuaremos ó compás das augas ata o seu destino final na mar, un coído de especial encanto con distintos sendeiros de acceso, mais permitídenos aquí non desvelar máis pistas polo momento, deixando á experiencia de cada espírito romántico o poder desviarse do camiño trazado, para marabillarse así un pouco máis ante as sorpresas do mundo.

reduc9reduc10reduc11reduc12reduc13reduc14

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s