AS SISARGAS, UN PARAÍSO PARA AS AVES

As tres illas que custodian o Cabo de San Adrián, fronte as costas de Malpica de Bergantiños, conforman un dos arquipélagos con maior entidade da provincia de A Coruña, xunto co de Sálvora en Riveira, e unha referencia emblemática, envolta en lendas e misterios, para os mariñeiros da Costa da Morte. Antano outeiro baleeiro, foco hipnótico de espantosos naufraxios, mítico lombo dun gran Leviatán varado que cobra vida no máis profundo da tempestade, vestixio mudo das rutas do estaño, ou fogar de serpes mitolóxicas, son moitos os valores simbólicos, históricos e mesmo lendarios que emanan da maxia deste prodixio natural coñecido como Illas Sisargas. Precisamente da súa importancia natural, concretamente ornitolóxica, versará hoxe a nosa entrada.

1 reduc

Este arquipélago figura incluído na IBA Mariña Costa da Morte, o que significa que se trata dun lugar de importancia internacional para a conservación das aves mariñas. A elevada produtividade destas augas tradúcese en abundante alimento para as aves, que chegan a superar o millón de exemplares durante o seu paso migratorio en verano – outono, procedentes maiormente do norte de Europa. As Sisargas tamén ofrecen un hábitat inmellorable para a reprodución dalgunhas destas especies, amais de estar rodeadas de alimento, nelas poden atopar seguridade fronte aos depredadores terrestres, e a tranquilidade de non ser perturbadas polo home, pois xa fai anos que nin o fareiro as habita.

2 reduc

Os seus escarpados cantís foron testemuñas da maior colonia de cría da Península Ibérica de Gaivota Tridáctila, única xunto á de Cabo Vilán, desaparecida recentemente (2014). A pesares do indubidable efecto que tivo o vertido do Prestige no seu declive poboacional, cabe sempre a posibilidade que retorne ás nosas prezadas illas procedente da veciña Bretaña francesa, pois teñen probada capacidade colonizadora e hai constancia de Tridáctilas nadas en Sisargas presentes nas colonias bretoas ou mesmo galesas.

3 Gregory Smith

Gaivota tridáctila – Rissa tridactyla. Foto Gregory Smith

Nos últimos anos rexistrouse nas illas un fito extraordinario, polo menos no tocante ao mundo da ornitoloxía. Trátase da aparición dunha nova especie como reprodutora en Galicia, da que non se tiña ningún rexistro previo. A Pardela Cincenta arribou en terras galegas dende lugares tan distantes como As Azores ou Madeira, a máis de 1.000km de distancia, e fundou novas colonias de cría en tres das nosas illas, Cíes, As Sisargas e a Illa Coelleira. Estamos ante unha oportunidade única, para os biólogos que estudan este grupo de aves, de comprender cómo se establecen as novas poboacións reprodutoras. E para o público afeccionado a observar as marabillas da natureza, estas pardelas ofrecen un espectáculo inigualable, sobre todo cando se achegan aos niños pola noite emitindo unha serie inconfundible de reclamos nasais e guturais, co obxecto de contactar ca súa parella, que fan as delicias de calquera amante da beleza.

*Aquí podedes escoitar o complexo rexistro sonoro das pardelas cincentas, para que non pensedes que estades rodeados de extraterrestres se tedes a sorte de atopalas: http://ibc.lynxeds.com/sound/cory039s-shearwater-calonectris-diomedea/adults-returning-their-burrows-night-calling-they-fly
4 reduc

Pardela cincenta – Calonectris diomedea. Foto Pedro Lourenço

Nas Sisargas tamén encontramos o núcleo reprodutor máis importante de España para a Gaivota Escura, aglutinando un terzo da poboación nacional, e a terceira colonia máis abondosa da moitas veces controvertida Gaivota Patiamarela, con aproximadamente 7.500 parellas na illa. No tocante a esta última especie o arquipélago malpicán ten relevancia a nivel mundial, sendo Galicia a comunidade co maior continxente reprodutor de España, que a súa vez é o país con máis gaivotas patiamarelas do planeta.

Non nos podemos esquecer dun dos símbolos da Costa da Morte, o Corvo Mariño Cristado, que a pesares da tendencia demográfica regresiva que está a experimentar nos últimos anos, segue a manter no arquipélago unha das colonias máis importantes da costa coruñesa. Nestas datas os corvos mariños xa comezan a incubar os ovos, instalando os niños nas partes máis inaccesibles dos cantís para procurar ao tempo tanto amparo fronte a intemperie, como resgardo da cobiza dalgún agudo merodeador.

7 Mike Needham

Corvo mariño cristado – Phalacrocorax aristotelis. Mike Needham.

Moitos outros habitantes escollen este enclave para criar aos seus herdeiros. Hainos ben curiosos, como o Paíño Pequeno, paxaro do tamaño dun pardal que soamente toca terra na época de aniñamento, ou aves terrestres de grande interese e polo xeral escasas como a Choia ou o Andoriñón Real, que atopan nas furnas das Sisargas lugares ideais para agochar os seus poñedoiros. Non esquecemos ao malogrado Arao, outrora a ave mariña máis común do litoral galego que tiña nestas illas un dos seus últimos refuxios, e que desapareceu no 2004 como reprodutor, ano no que naceu o último polo. O illote Magnánimo agarda maxestoso o regreso do que foi o seu máis senlleiro morador, agardamos que volvan tempos mellores para el e para tódalas aves mariñas, o que pasa necesariamente por conservar os ecosistemas litorais e mariños, e deter dunha vez por todas a desorbitada explotación á que sometemos mares e costas, sobrepescando, urbanizando e contaminando a mar que nos da de comer.

8 Aurélien Audevard

Paíño pequeno – Hydrobates pelagicus. Aurélien Audevard

9 Paul Roberts

Choia – Pyrrhocorax pyrrhocorax. Paul Roberts

Apus melba_D113236 kopi

Andoriñón real – Apus melba. Troells Melgaard

11 reduc

Arao – Uria aalge

Como vedes as Sisargas son un verdadeiro santuario para a avifauna e reúnen sobradas condicións para formar parte do Parque Nacional das Illas Atlánticas, sendo o seu réxime de propiedade privada o único impedimento para que isto non se consume. Se vos quedaron ganas de coñecer máis afondo este extraordinario arquipélago tedes unha oportunidade inmellorable o próximo 26 de marzo, coincidindo co sábado santo. Animádevos e descubrídeas connosco!!. Máis información: https://paisaxecostadamorte.com/saida-para-avistamento-de-aves-nas-illas-sisargas/

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s