PITIÑOS NA PRAIA! O FOGAR DA PÍLLARA

Se o tempo acompaña, pouco falta para que moitos de nós comecemos a achegarnos ás fermosas e abundantes praias da nosa benquerida costa, para así desfrutar canto se poida da sempre breve tempada de sol e praia nestas latitudes. Así e todo, poucos saben da presenza dun habitante moi especial nalgúns dos nosos mellores areais, outro tesouro máis dos moitos que agocha a Costa da Morte, e que de seguro supón un excelente indicador da privilexiada calidade ambiental destas costas.

1 foto traba

Traba, unha das praias con presenza de Píllara.

Referímonos a un pequeno paxariño, de apenas 40g de peso, cada vez máis escaso e ameazado. Falamos da Píllara das Dunas, ave limícola que como o seu nome indica escolleu como fogar as praias e dunas costeiras datas antes de que a explosión turística inundase estes ecosistemas. Xa vos podedes figurar que, frecuentando estes lugares, non lle queda máis remedio que situar o niño no chan, e para facelo simplemente escavan un pequeno foxo na area, ás veces engalanado con pequenos restos de cunchas, pedriñas ou materiais vexetais, no que depositan polo regular tres diminutos e crípticos ovos. Chocan durante catro semanas, tanto o pai como a nai, ela normalmente polo día, el pola noite, refrescándose ocasionalmente na auga cando vai moita calor, circunstancia que aproveitan para mollar as plumas ventrais e así poder arrefriar os ovos de volta ao niño.

2 Macho Emilio Solla

Macho de Píllara. Foto Emilio Solla

3 Hembra Christophe Gouraud

Femia. Foto Christophe Gouraud

0 Nido. Pablo Barrena

Niño de Píllara. Pablo Barrena Pavón.

5 Nido ornamentado conchas. JDC

Niño ornamentado. Foto Jesús Domínguez Conde.

Se todo vai ben e ningún animal depredou o niño, non sufriu moitas molestias humanas, e os temporais respectaron o litoral, nacerán tres minúsculos poliños. Son tan pequenos e desvalidos que supoñen un apetitoso bocado para moitas criaturas: lagarteiros, falcóns peregrinos, curuxas, corvos grandes e pequenos, raposos, lagartos e mesmo os cans soltos non desaproveitan a oportunidade para tomar un petisco a costa destas delicadas crías. Mais coma decotío acontece na natureza, estes poliños tamén contan cas súas ferramentas para poder sobrevivir. Teñen unha plumaxe que se confunde perfectamente ca area e cos restos das arribazóns, o que lles serve para pasar desapercibidos e poder ocultarse con facilidade da ollada dos depredadores. Posúen igualmente unhas longuísimas patas en relación ao corpo, para escapar coma lóstregos a agocharse entre a vexetación dunar ou nas anfractuosidades das rochas en caso de perigo. E por suposto sérvense dos inestimables coidados dos seus proxenitores.

6 Pollo Clemens Kuepper

Polos acabados de nacer. Clemens Kuepper

7 Pollo Hannah Mason

Polo no intermareal. Hannah Mason.

8 Pollo escondido entre basura. Alder

Polo agochado entre lixo. Alder

9 Pollo Bahrain Banding Project

Polo, apreciade a lonxitude das patas. Banding Project.

10 Lagarteiro femia. ziva

Femia de Lagarteiro. Ziva.

Salvo deshonrosas excepcións, entre as que destaca o cuco, tódalas aves se afanan en sacar adiante a súa descendencia, e no caso da Píllara a disposición que mostran os pais é digna de eloxio. Cando os poliños teñen frío os pais cúbrenos para resgardalos, se hai depredadores prevéñenos mediante distintos reclamos indicándolles que se agochen ou que xa pasou o perigo, chegan incluso a enfrontarse con aves que os superan varias veces en tamaño, pero a actitude máis rechamante é sen dúbida a de finxir que teñen un ala lesionada. Cando o depredador se achega demasiado aos polos ou ao niño, as Píllaras simulan que sofren unha lesión, deixando colgar un ala, e comezan a ranquear a medida que se van afastando, para que o intruso os siga convencido de que son doados de cazar; deste xeito, unha vez conseguido que a niñada estea a salvo, o adulto botará a voar e o predador levará un bo chasco.

11 Ala rota. Roberto Lerco

Píllara finxindo ala rota. Roberto Lerco.

Como relatabamos ao comezo, trátase dun ave seriamente ameazada, que conta apenas con 80 parellas en toda Galicia. Costa da Morte, se consideramos o tramo que vai dende Caión (A Laracha) ata Esteiro (Muros), presenta o maior número de exemplares de todo o país, e se queremos axudar a que a súa poboación recupere a saúde ca que contaba antes da destrución de boa parte do litoral galego, consecuencia dun modelo de desenvolvemento caduco e aniquilador, algo podemos facer. Por exemplo non deixar os cans soltos en praias con presenza de Píllara, indicadas mediante paneis, pois supoñen un serio perigo para polos e adultos. Tamén debemos evitar na medida do posible o pisoteo e degradación da vexetación dunar, respectar a distancia e minimizar as molestias en caso de toparnos cun niño, ou con algunha das gaiolas instaladas pola administración para protexer os poñedoiros de posibles depredadores  e perturbacións humanas. Outra recomendación que consideramos de grande interese para a conservación dos areais, é conseguir a oposición frontal da poboación á limpeza mecánica das praias. O paso de tractores e cribadoras polas praias non só  destrúe tódolos niños que atopen no seu camiño, tamén provocan a morte dos pitiños de corta idade, e a eliminación dos restos de arribazón, referímonos aos depósitos de algas e outros fragmentos de organismos, que son de capital importancia para as píllaras e a principal entrada de enerxía dun ecosistema vivo como é a praia. A limpeza das praias debera ser selectiva e manual, e os turistas deberiamos diferenciar claramente o que é lixo do que é un fenómeno estritamente natural.

12 Parcel de exclusion Axena, Javier I.

Gaiola de exclusión de predadores. Axena-Javier.I.

13 Limpieza mecanica playas. Foto de Muñiz para Faro de Vigo

Limpeza mecánica de praias. Muñiz-Faro de Vigo.

14 Paso tractor por Lanzada. JDC

Paso de tractor pola Lanzada. Jesús Domínguez Conde.

15. Panel indicativo

Panel indicativo na praia de Traba.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s