As Casas do Mar: Tradición, Extinción ou Reivindicación?

A Galicia maioritariamente rural de non vai tanto tempo, representada como un mosaico de paisaxes contrastadas, de montaña, agra ou costa, ofrecía distintas estampas de vida nun territorio salpicado por vilas e espalladas aldeas. A arquitectura das clases populares, a chamada arquitectura sen arquitectos – ou anónima- máis centrada na función que no ornamento, conformou núcleos de poboación aportando personalidade propia ás distintas rexións e comunidades.

Na franxa costeira, os rigores atlánticos condicionaron o agrupamento das vivendas en enclaves estratéxicos, procurando, de poder ser, o abeiro dos ventos por montes ou outras elevacións xeográficas. A ansia por ocupar os espazos convenientes, reduciu o tamaño dos solares ó mínimo habitable e levou ó amoreamento das vivendas mesmo compartindo medianeras, algo impensable nas aldeas labregas que precisaban determinado acomodo exterior para moitas das súas labores, así como de espazos destinados ó almacenamento e disposición dos apeiros ou carro de labranza.

2.finisterre

Fisterra. Principios do século XX

Nas vilas mariñeiras, o sacrificio de espazos abertos entre filas e casas, definirá os seus tan característicos e angostos rueiros, destacando unha única vía principal apta para o tránsito de mercadorías e acaso outras secundarias cando menos para subir as chalanas no caso de temporal ou vaga de mar. Con todo, non debe o lector imaxinar unha organización urbanística caótica ou escura. Nestas vilas de vocación mariñeira as vistas ó fondeadoiro e a chegada das embarcacións eran tan indispensables como a necesidade de ventilación e luz natural, aproveitando a propia pendente do terreo para acadala, así como respectando a norma básica de camaradería veciñal de non estorbar aos seus conxéneres cun crecemento desproporcionado en altura, en ningún caso superior aos tres andares.

3. muxía 1934

Muxía, 1934. “Maremoto en Muxía”. Foto: Ramon Caamaño

Dentro da arquitectura mariñeira, Pedro de LLano – tal vez o máis reputado dos investigadores en materia de arquitectura popular galega – establece distintas tipoloxías, como a casa terrea (a máis humilde de todas e característica das zonas máis expostas ó vento, deseñada a ras sen elevar ningunha altura), a casa de baixo e andar (reservado o baixo para albergar un ou dous animais – normalmente unha besta – que accede ó dormitorio situado no andar superior por unha escaleira interior), a casa mariñeira con patín ( o aceso ó andar superior é polo exterior), a casa de pincho ( aquela que recrece o faiado para gañar maior espazo interior, recoñecible ó exterior por destacar os muros piñón) ou a casa de remo (tipoloxía propia da área coruñesa, o remo da traiñeira marca a medida que a casa non poderá superar en horizontal).

4.amañando farois de carburo, muxía 1925

Muxía, 1925. A casa medianeira de baixo e altura será a tipoloxía máis estendida na Costa da Morte. O branco encalado do exterior aportaba protección fronte as inclemencias climáticas. Foto: Ramón Caamaño

5. MG_4340

Laxe, 2016. Casas de pincho en estado ruinoso (obsérvense os picudos muros piñón).

Lamentablemente, a transformación sufrida nas últimas décadas nas zonas costeiras, levou a case desaparición dalgunha das tipoloxías citadas no parágrafo anterior así como a desfiguración de moitos conxuntos e vilas, curiosamente coincidindo co relevo dos canteiros por modernos construtores ou o traspaso de responsabilidades dende os acordos non escritos propios da convivencia veciñal a outras normativas alleas, en ocasións insensibles ó patrimonio popular e a miúdo confusas para o vecindario, concluíndo nun desenvolvemento do interese xordo e individualista .

6

Laxe, 2016. A fachada da primeira liña de praia, desvirtúa e oculta unha das máis fermosas vilas mariñeiras da costa, a exploración do seu rueiro descubre exemplos e elementos varios propios das tipoloxías mariñeiras.

Na Galicia tradicional adoecida polo envellecemento e o despoboamento, namentres o mundo cambia a un ritmo fero e estraño, non son poucas nin simples as causas polo que as nosas paisaxes construídas mudan,  esmorecen ou aumentan en grave desproporción o seu número real de habitantes. Entre as razóns de distinta natureza: sociais, económicas ou culturais e ás que incluso deberiamos sumar as particulares historias comarcais ou locais, destacan na degradación das vilas costeiras, a presión turística e a preponderancia dos intereses portuarios ou viarios sobre o patrimonio tradicional, alén dunha visión mal entendida do progreso, que pretende arredar así os complexos e as malas lembranzas de tempos pasados de penuria e pobreza.

Con todo, dentro deste panorama cabe a esperanza fronte a desolación de existir un recoñecemento social que reivindique coma necesidade e dereito o desfrute dunha paisaxe colectiva e harmónica, apreciando aqueles conxuntos mellor conservados e aqueles outros onde aínda resisten certos elementos capaces de identificar o carácter, a cultura e a identidade dun lugar, onde a veciñanza recuperara a súa voz e esta fora, consciente, forte e viva.

7

A vila de Muros catalogada como conxunto histórico – artístico, presenta numerosos exemplos de arquitectura popular mariñeira, o que a diferencia e incrementa interese ó seu atractivo turístico.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s