Arquivo da categoría: Actividades

AS SISARGAS, UN PARAÍSO PARA AS AVES

As tres illas que custodian o Cabo de San Adrián, fronte as costas de Malpica de Bergantiños, conforman un dos arquipélagos con maior entidade da provincia de A Coruña, xunto co de Sálvora en Riveira, e unha referencia emblemática, envolta en lendas e misterios, para os mariñeiros da Costa da Morte. Antano outeiro baleeiro, foco hipnótico de espantosos naufraxios, mítico lombo dun gran Leviatán varado que cobra vida no máis profundo da tempestade, vestixio mudo das rutas do estaño, ou fogar de serpes mitolóxicas, son moitos os valores simbólicos, históricos e mesmo lendarios que emanan da maxia deste prodixio natural coñecido como Illas Sisargas. Precisamente da súa importancia natural, concretamente ornitolóxica, versará hoxe a nosa entrada.

1 reduc

Este arquipélago figura incluído na IBA Mariña Costa da Morte, o que significa que se trata dun lugar de importancia internacional para a conservación das aves mariñas. A elevada produtividade destas augas tradúcese en abundante alimento para as aves, que chegan a superar o millón de exemplares durante o seu paso migratorio en verano – outono, procedentes maiormente do norte de Europa. As Sisargas tamén ofrecen un hábitat inmellorable para a reprodución dalgunhas destas especies, amais de estar rodeadas de alimento, nelas poden atopar seguridade fronte aos depredadores terrestres, e a tranquilidade de non ser perturbadas polo home, pois xa fai anos que nin o fareiro as habita.

2 reduc

Os seus escarpados cantís foron testemuñas da maior colonia de cría da Península Ibérica de Gaivota Tridáctila, única xunto á de Cabo Vilán, desaparecida recentemente (2014). A pesares do indubidable efecto que tivo o vertido do Prestige no seu declive poboacional, cabe sempre a posibilidade que retorne ás nosas prezadas illas procedente da veciña Bretaña francesa, pois teñen probada capacidade colonizadora e hai constancia de Tridáctilas nadas en Sisargas presentes nas colonias bretoas ou mesmo galesas.

3 Gregory Smith

Gaivota tridáctila – Rissa tridactyla. Foto Gregory Smith

Nos últimos anos rexistrouse nas illas un fito extraordinario, polo menos no tocante ao mundo da ornitoloxía. Trátase da aparición dunha nova especie como reprodutora en Galicia, da que non se tiña ningún rexistro previo. A Pardela Cincenta arribou en terras galegas dende lugares tan distantes como As Azores ou Madeira, a máis de 1.000km de distancia, e fundou novas colonias de cría en tres das nosas illas, Cíes, As Sisargas e a Illa Coelleira. Estamos ante unha oportunidade única, para os biólogos que estudan este grupo de aves, de comprender cómo se establecen as novas poboacións reprodutoras. E para o público afeccionado a observar as marabillas da natureza, estas pardelas ofrecen un espectáculo inigualable, sobre todo cando se achegan aos niños pola noite emitindo unha serie inconfundible de reclamos nasais e guturais, co obxecto de contactar ca súa parella, que fan as delicias de calquera amante da beleza.

*Aquí podedes escoitar o complexo rexistro sonoro das pardelas cincentas, para que non pensedes que estades rodeados de extraterrestres se tedes a sorte de atopalas: http://ibc.lynxeds.com/sound/cory039s-shearwater-calonectris-diomedea/adults-returning-their-burrows-night-calling-they-fly
4 reduc

Pardela cincenta – Calonectris diomedea. Foto Pedro Lourenço

Nas Sisargas tamén encontramos o núcleo reprodutor máis importante de España para a Gaivota Escura, aglutinando un terzo da poboación nacional, e a terceira colonia máis abondosa da moitas veces controvertida Gaivota Patiamarela, con aproximadamente 7.500 parellas na illa. No tocante a esta última especie o arquipélago malpicán ten relevancia a nivel mundial, sendo Galicia a comunidade co maior continxente reprodutor de España, que a súa vez é o país con máis gaivotas patiamarelas do planeta.

Non nos podemos esquecer dun dos símbolos da Costa da Morte, o Corvo Mariño Cristado, que a pesares da tendencia demográfica regresiva que está a experimentar nos últimos anos, segue a manter no arquipélago unha das colonias máis importantes da costa coruñesa. Nestas datas os corvos mariños xa comezan a incubar os ovos, instalando os niños nas partes máis inaccesibles dos cantís para procurar ao tempo tanto amparo fronte a intemperie, como resgardo da cobiza dalgún agudo merodeador.

7 Mike Needham

Corvo mariño cristado – Phalacrocorax aristotelis. Mike Needham.

Moitos outros habitantes escollen este enclave para criar aos seus herdeiros. Hainos ben curiosos, como o Paíño Pequeno, paxaro do tamaño dun pardal que soamente toca terra na época de aniñamento, ou aves terrestres de grande interese e polo xeral escasas como a Choia ou o Andoriñón Real, que atopan nas furnas das Sisargas lugares ideais para agochar os seus poñedoiros. Non esquecemos ao malogrado Arao, outrora a ave mariña máis común do litoral galego que tiña nestas illas un dos seus últimos refuxios, e que desapareceu no 2004 como reprodutor, ano no que naceu o último polo. O illote Magnánimo agarda maxestoso o regreso do que foi o seu máis senlleiro morador, agardamos que volvan tempos mellores para el e para tódalas aves mariñas, o que pasa necesariamente por conservar os ecosistemas litorais e mariños, e deter dunha vez por todas a desorbitada explotación á que sometemos mares e costas, sobrepescando, urbanizando e contaminando a mar que nos da de comer.

8 Aurélien Audevard

Paíño pequeno – Hydrobates pelagicus. Aurélien Audevard

9 Paul Roberts

Choia – Pyrrhocorax pyrrhocorax. Paul Roberts

Apus melba_D113236 kopi

Andoriñón real – Apus melba. Troells Melgaard

11 reduc

Arao – Uria aalge

Como vedes as Sisargas son un verdadeiro santuario para a avifauna e reúnen sobradas condicións para formar parte do Parque Nacional das Illas Atlánticas, sendo o seu réxime de propiedade privada o único impedimento para que isto non se consume. Se vos quedaron ganas de coñecer máis afondo este extraordinario arquipélago tedes unha oportunidade inmellorable o próximo 26 de marzo, coincidindo co sábado santo. Animádevos e descubrídeas connosco!!. Máis información: https://paisaxecostadamorte.com/saida-para-avistamento-de-aves-nas-illas-sisargas/

Advertisements

Reflexionando sobre a diversidade: Xornadas adaptadas para o achegamento á riqueza natural no val de Traba (Laxe).

Moito antes de que Benquerenza xurdira dunha aposta entusiasta por dignificar todo aquilo que por posuír un valor incalculable nas máis das ocasións merece unha inxusta estima, os seus integrantes xa debatiamos sobre a importancia e a necesidade da actividade divulgadora, como principal ferramenta para a implicación da sociedade na conservación e reivindicación da súa entorna natural e cultural.

Observamos como nos últimos tempos, en resultas dunha necesidade social de achegarse e sentirse máis próximos á unha natureza a diario arrebatada das nosas rutinas, as actividades de desfrute entorno á paisaxe viven un momento de auxe sendo cada día máis numerosas e participativas. Mención especial reciben aquelas de carácter deportivo, onde ó contacto coa natureza se lle suma a descarga de adrenalina acumulada e a superación persoal.

ultra trail

Algunha destas duras probas se desenvolven en favor de colectivos con limitacións especiais.

Ante este fenómeno non cabe dúbida que a correcta planificación e xestión destas actividades e sempre dende o respecto polos ecosistemas, poden reflectir en efectos moi positivos para as comarcas rurais, mais no eido que nos preocupa e a pesares do éxito destas convocatorias non debemos esquecer que como acontece na natureza, no mundo dos homes e mulleres que forman parte da mesma existe unha ampla diversidade, onde non todos nos sentimos capacitados para superar certas probas, distancias ou retos, sen menoscabo da nosa curiosidade e interese de cara á riqueza natural e paisaxística da que somos parte integrante.

Membros da asociación “O Peñon” e veciños de Mórdomo, participando nas xornadas adaptadas do Concello de Laxe a pasada semana.

Membros da asociación “O Peñon” e veciños de Mórdomo, participando nas xornadas adaptadas do Concello de Laxe a pasada semana.

Partindo destas premisas o Concello de Laxe, moi comprometido coas políticas de accesibilidade, ven de clausurar unhas xornadas adaptadas ó achegamento a un dos escenarios con maior importancia ecolóxica do seu municipio, sentíndonos orgullosos de poder contribuír no seu deseño e posta en práctica. O lugar escollido, o sistema dunar do val de Traba (Laxe), permitiunos presentar todo un cosmos de vida nun percorrido inferior a 1 quilómetro de distancia. As infraestruturas xa existentes para salvar a fraxilidade do medio dunar amosáronse perfectas para garantir a accesibilidade a todos, na demostración de que non sempre é preciso armar novos e custosos accesos para o desfrute do noso Patrimonio, senón saber aproveitar moitos dos recursos que poden atoparse subvalorizados. Situación na que só precisariamos imaxinación e vontade para apreciar que a paisaxe conta cunha infinita variedade e diversidade, agora o que toca é tomar consciencia da súa existencia.

Membros da Asociación Integro en Traba. Foto: Daniel Rodino

Membros da Asociación Integro en Traba. Foto: Daniel Rodino

Para aqueles que teñades curiosidade por esta actividade que afonda na importancia dos ecosistemas dunares ou queredes participar desta, deixámosvos o enlace á ficha do itinerario que pasa a engrosar a nosa oferta de actividades baixo demanda: https://paisaxecostadamorte.com/a-paisaxe-das-dunas-accesible/

Artigos en prensa:

http://quepasanacosta.gal/laxe-abre-as-portas-da-natureza/

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/carballo/laxe/2015/10/24/solidaridad-inclusion-mejor-mundo/0003_201510C24C12996.htm

COMEZAMOS!!… A interpretar a paisaxe na Costa da Morte.

Tras meses de preparativos inauguramos “A Paisaxe Interpretada” , un proxecto ideado para reparar nos aspectos definitorios da paisaxe na Costa da Morte, a través de actividades ideadas para tódolos públicos co único requirimento de acudir sen presas e dispostos a internarse no escenario da Costa da Morte, e en todo no que este pode relatarnos.

Dentro do proxecto “A Paisaxe Interpretada” destacan os itinerarios temáticos, a escoller segundo os intereses e os gustos do visitante, nesta páxina destinada exclusivamente á proposta atoparás toda a información sobre os roteiros e as distintas citas que iremos marcando.

CARTEL
Nas vindeiras semanas estrearemos paulatinamente os tres itinerarios principais do noso menú, comezando a actividade o primeiro fin de semana de setembro, co itinerario: “A Paisaxe Emblemática”, un roteiro moi especial que indaga nos relatos e a imaxe mítica que proxecta a Costa da Morte e a súa relación coa paisaxe, aproveitando a espectacularidade natural da Enseada do Trece (Camariñas) para engadir apuntamentos sobre a súas particularidades ecolóxicas. Agardando que sexades moitos os que nos acompañedes nesta estrea, marcaremos a cita por partida doble: o 5 e o 6 de setembro. Iso si, como temos prazas limitadas é imprescindible a inscrición previa, así que non vos demoredes, temos moitas ganas de compartir un traballo deseñado dende o “ben querer” ó lugar onde habitamos, así como moita ilusión de presentar Benquerenza ó mundo.