SAÍDA PARA AVISTAMENTO DE AVES NAS ILLAS SISARGAS

Sisargas roca reducida

Descrición da actividade:

Sairemos pola mañanciña do porto de Malpica de Bergantiños (Provincia de A Coruña), nunha pequena embarcación gobernada por un experimentado mariñeiro do lugar. Esta barcaza é a máis axeitada para atracar no peirao das Illas Sisargas, pois os barcos de maior eslora non son capaces de facelo. Tras saír do ancoradoiro navegaremos cara o NO xa por mar aberto, nun dos tramos costeiros máis bravos de todo o litoral peninsular, en dirección ao noso obxectivo, as impoñentes Illas Sisargas. Rodearemos con calma a espectacular costa destas illas, realmente asombrosas pola cara que fica oculta dende o continente, e contemplaremos as colonias de aves asentadas nos seus escarpados cantís. Logo atracaremos na Sisarga Grande, a maior das tres illas que conforman o arquipélago, e subiremos ata o Faro das Sisargas e a Casa da Sirea, onde gozaremos de excelentes panorámicas ao tempo que as aves mariñas amenizan cos seus vos e reclamos o noso camiñar.

Observación de aves :

Alén dos moitos valores paisaxísticos e naturais das Illas Sisargas, estamos ante un dos enclaves máis importantes para a cría de aves mariñas de toda a Península Ibérica. Na data de visita será doado observar Mascatos (Morus bassanus), Corvo Mariño Grande (Phalacrocorax carbo) , Corvo Mariño Cristado (Phalacrocorax aristotelis), Gaivota Chorona (Chroicocephalus ridibundus), Gaivota Escura (Larus fuscus) e Gaivota Patiamarela (Larus michahellis). Se temos a sorte connosco tamén poderemos avistar algún Pentumeiro (Melanitta nigra), Pardela Cincenta (Calonectris diomedea), Furabuchos Atlántico (Puffinus puffinus), Furabuchos Balear (Puffinus mauretanicus), Paíño Pequeno (Hydrobates pelagicus), Palleira Grande (Stercorarius skua), Gaivota Cabecinegra (Larus melanocephalus), Gaivotón (Larus marinus) , Gaivota Tridáctila (Rissa tridactyla), Carrán Cristado (Sterna sandvicensis), Arao (Uria aalge) ou Carolo (Alca torda), amén doutras aves terrestres como o Falcón Peregrino (Falco peregrinus), o Andoriñón (Apus melba) ou a Choia (Pyrrhocorax pyrrhocorax), e máis sorpresas que nos depare a xornada.

Phalacrocorax aristotelis. Thomas Quine CC

Phalacrocorax aristotelis. Thomas Quine . CC

 

 

Data:

26/03/2016 (Sábado Santo)  PRAZAS ESGOTADAS !!

Nova convocatoria: 25/03/2016 (Venres Santo)  PRAZAS ESGOTADAS!!

Embarque:

O punto de encontro será ás 9:30h fronte a lonxa do Porto de Malpica de Bergantiños.

Duración:

Hora de saída: 9:30h

Hora de chegada (aproximada): 13:30h

Prezo especial:

20€ por persoa.

Inclúe traslado en barcoseguro de navegación e asesoramento, para os non iniciados e principiantes, no recoñecemento de aves.

Ao final da xornada convidámosvos a uns pinchos nun bar preto do porto, se os queredes acompañar con bebida será baixo a vosa responsabilidade 😉

Prazas moi limitadas!!

Cancelacións:

A cancelación da actividade debido ás malas condicións meteorolóxicas, será comunicada aos participantes, vía teléfono ou correo electrónico, con dous días de antelación.

Rógase que non se efectúen reservas sen a seguridade de comparecer, de producirse esta desagradable circunstancia instamos a que se anule canto antes a reserva para non prexudicar a futuros participantes.

Recomendacións:

Recoméndase levar prismáticos para observar as aves e outros animais que nos poidamos atopar.

Abrigo, calzado deportivo e segundo estea o mar tamén pode ser aconsellable roupa de auga.

Trátase dunha embarcación pequena, a única habilitada para atracar no peirao da Sisarga Grande, e dunha zona moi batida polo mar, polo que aconsellamos que se extremen as precaucións cas cámaras fotográficas e outros obxectos sensibles ás salpicaduras.

Condicionantes ecolóxicas:

Acorde ca filosofía de Benquerenza S.C., o desenvolvemento da actividade minimizará na medida do posible calquera tipo de perturbación sobre o medio natural. A embarcación circulará a baixa velocidade e a suficiente distancia das colonias de cría de aves mariñas presentes, para evitar que abandonen os niños. Así mesmo o recorrido por terra discorrerá polos sendeiros marcados, e o tamaño do grupo será moi limitado, reducindo así o impacto sobre a fauna e flora insular.

Información adicional:

Prégase puntualidade no punto de embarque.

A organización non se fai responsable das perdas ou danos que se puideran producir nos obxectos de valor dos pasaxeiros durante a travesía.

Información e reservas:

Tfno. 637987137   657330911

e-mail: benquerenza@gmail.com

Sisargas aves reducida

Advertisements