Arquivo por etiquetas: Antropoloxía da Paisaxe

As Casas do Mar: Tradición, Extinción ou Reivindicación?

A Galicia maioritariamente rural de non vai tanto tempo, representada como un mosaico de paisaxes contrastadas, de montaña, agra ou costa, ofrecía distintas estampas de vida nun territorio salpicado por vilas e espalladas aldeas. A arquitectura das clases populares, a chamada arquitectura sen arquitectos – ou anónima- máis centrada na función que no ornamento, conformou núcleos de poboación aportando personalidade propia ás distintas rexións e comunidades.

Na franxa costeira, os rigores atlánticos condicionaron o agrupamento das vivendas en enclaves estratéxicos, procurando, de poder ser, o abeiro dos ventos por montes ou outras elevacións xeográficas. A ansia por ocupar os espazos convenientes, reduciu o tamaño dos solares ó mínimo habitable e levou ó amoreamento das vivendas mesmo compartindo medianeras, algo impensable nas aldeas labregas que precisaban determinado acomodo exterior para moitas das súas labores, así como de espazos destinados ó almacenamento e disposición dos apeiros ou carro de labranza.

2.finisterre

Fisterra. Principios do século XX

Nas vilas mariñeiras, o sacrificio de espazos abertos entre filas e casas, definirá os seus tan característicos e angostos rueiros, destacando unha única vía principal apta para o tránsito de mercadorías e acaso outras secundarias cando menos para subir as chalanas no caso de temporal ou vaga de mar. Con todo, non debe o lector imaxinar unha organización urbanística caótica ou escura. Nestas vilas de vocación mariñeira as vistas ó fondeadoiro e a chegada das embarcacións eran tan indispensables como a necesidade de ventilación e luz natural, aproveitando a propia pendente do terreo para acadala, así como respectando a norma básica de camaradería veciñal de non estorbar aos seus conxéneres cun crecemento desproporcionado en altura, en ningún caso superior aos tres andares.

3. muxía 1934

Muxía, 1934. “Maremoto en Muxía”. Foto: Ramon Caamaño

Dentro da arquitectura mariñeira, Pedro de LLano – tal vez o máis reputado dos investigadores en materia de arquitectura popular galega – establece distintas tipoloxías, como a casa terrea (a máis humilde de todas e característica das zonas máis expostas ó vento, deseñada a ras sen elevar ningunha altura), a casa de baixo e andar (reservado o baixo para albergar un ou dous animais – normalmente unha besta – que accede ó dormitorio situado no andar superior por unha escaleira interior), a casa mariñeira con patín ( o aceso ó andar superior é polo exterior), a casa de pincho ( aquela que recrece o faiado para gañar maior espazo interior, recoñecible ó exterior por destacar os muros piñón) ou a casa de remo (tipoloxía propia da área coruñesa, o remo da traiñeira marca a medida que a casa non poderá superar en horizontal).

4.amañando farois de carburo, muxía 1925

Muxía, 1925. A casa medianeira de baixo e altura será a tipoloxía máis estendida na Costa da Morte. O branco encalado do exterior aportaba protección fronte as inclemencias climáticas. Foto: Ramón Caamaño

5. MG_4340

Laxe, 2016. Casas de pincho en estado ruinoso (obsérvense os picudos muros piñón).

Lamentablemente, a transformación sufrida nas últimas décadas nas zonas costeiras, levou a case desaparición dalgunha das tipoloxías citadas no parágrafo anterior así como a desfiguración de moitos conxuntos e vilas, curiosamente coincidindo co relevo dos canteiros por modernos construtores ou o traspaso de responsabilidades dende os acordos non escritos propios da convivencia veciñal a outras normativas alleas, en ocasións insensibles ó patrimonio popular e a miúdo confusas para o vecindario, concluíndo nun desenvolvemento do interese xordo e individualista .

6

Laxe, 2016. A fachada da primeira liña de praia, desvirtúa e oculta unha das máis fermosas vilas mariñeiras da costa, a exploración do seu rueiro descubre exemplos e elementos varios propios das tipoloxías mariñeiras.

Na Galicia tradicional adoecida polo envellecemento e o despoboamento, namentres o mundo cambia a un ritmo fero e estraño, non son poucas nin simples as causas polo que as nosas paisaxes construídas mudan,  esmorecen ou aumentan en grave desproporción o seu número real de habitantes. Entre as razóns de distinta natureza: sociais, económicas ou culturais e ás que incluso deberiamos sumar as particulares historias comarcais ou locais, destacan na degradación das vilas costeiras, a presión turística e a preponderancia dos intereses portuarios ou viarios sobre o patrimonio tradicional, alén dunha visión mal entendida do progreso, que pretende arredar así os complexos e as malas lembranzas de tempos pasados de penuria e pobreza.

Con todo, dentro deste panorama cabe a esperanza fronte a desolación de existir un recoñecemento social que reivindique coma necesidade e dereito o desfrute dunha paisaxe colectiva e harmónica, apreciando aqueles conxuntos mellor conservados e aqueles outros onde aínda resisten certos elementos capaces de identificar o carácter, a cultura e a identidade dun lugar, onde a veciñanza recuperara a súa voz e esta fora, consciente, forte e viva.

7

A vila de Muros catalogada como conxunto histórico – artístico, presenta numerosos exemplos de arquitectura popular mariñeira, o que a diferencia e incrementa interese ó seu atractivo turístico.

Advertisements

DE CREBAS E OUTRAS LERIAS. O EXCREMENTO MÁIS COBIZADO: O AMBAR GRIS.

Durante o percorrer histórico, a supervivencia de homes e mulleres estivo condicionada pola observación e comprensión da entorna onde se asentaban. Andando o tempo a adaptación ó medio, conformou distintos modos de vida, economías, costumes e en definitiva culturas, que se expresaron a súa vez nunha paisaxe cada vez máis transformada segundo a relación establecida cos seus habitantes.

Nas nosas costas durante as épocas máis recentes, as actividades económicas rexéronse pola xenerosidade mariña, alén da pesca, a observancia e o enxeño explotaron as distintas posibilidades que o mar lles ofrecía. Moitas destas actividades, hoxe en desaparición, supuxeron alternativas ou fontes de sustento en momentos de penuria e necesidade. Entre outras, estamos a pensar no aproveitamento das arribazóns costeiras, ou dito dun modo máis popular, do “andar ás crebas”.

As crebas, ou matutes na zona norte da Costa da Morte, era nome xenérico de todas aquelas deposicións, que a modo de presente, arrastraba a marea ata os areais. Crebeiros, ou matuteiros, era o nome ás veces despectivo, que se lle daba a aqueles máis centrados en percorrer o litoral especialmente despois das tormentas, na procura de refugos cos que comerciar, de modo máis ou menos lícito. A abundancia de restos traídos por un mar especialmente batido, explica como aínda hoxe é raro atopar a quen vivindo a carón da mar, non conte unha boa anécdota relacionada cunha sorpresa inesperada.

Se ben o aproveitamento destas arribazóns, constituían na meirande parte dos casos un suplemento puntual á economía familiar, tamén existiron outras moi cobizadas , como as arribazóns de ámbar gris, que non é outra cousa que o excremento do cachalote tras depredar sobre luras xigantes!. Este excremento, ó que se lle asigna un dos cheiros máis fedorentos da natureza, era pola contra un valorado fixador de esencias na industria da perfumería.
Segundo parece, o litoral da Costa da Morte, puido ter aquí un proveitoso recurso cando estes xigantes foron máis abondosos e frecuentaban as nosas costas. Como documento escrito atopamos como en 1607, Jerónimo del Hoyo é testemuña de que o areal do Orzán na Coruña era barreira natural desta cobizada secreción, o que podemos entender como proba de que esta se estendería por toda a nosa franxa litoral.

ambergris_1b

Falando de crebas, moitas serían as lerias que puideramos contar, despoxos e obxectos traídos polo mar que nos contan historias, botellas con mensaxes misteriosas ou outras que se reinventan como arte, hainas simpáticas e tamén escuras, das que non queremos voltar a saber na Costa da Morte que contaminan o noso precioso litoral. Elas forman parte da nosa “historia pequena”, da cotiá, e de historias semellantes, sempre ligadas á mar, , teceremos o itinerario pola vila de Laxe, “A Paisaxe Mariñeira” que estrearemos esta fin de semana, https://paisaxecostadamorte.com/paseo-interpretado-a-paisaxe-marineira/

– Para saber máis: Fernández Naval, F.X, Longueira, M. (2014). As Crebas: outro xeito de andar ao mar. Betanzos. Baía Edicións.