Arquivo por etiquetas: paisaxe sonoro

A PAISAXE SONORA NA COSTA DA MORTE

Asomarse a unha paisaxe significa tomar consciencia dun espazo que se estende ante nós percibindo os elementos e o seu conxunto a través dos nosos sentidos, considerando neste exercicio a vista como o sentido preponderante, de xeito que incluso certas definicións sinalan a paisaxe coma percepción visual. Pola contra, esta estimación a miúdo se contrapón coas propias experiencias, pois na nosa psique todos recoñecemos sabores, olores ou melodías capaces de transportarnos ás paisaxes da nosa vida.

De igual modo, as formas e cores que compoñen o entorno rara vez fican mudas, acompasadas de  sons tan xenuinamente ligados ó territorio que forman parte por dereito propio da paisaxe que conforman. Na Costa da Morte, experimentar a paisaxe sen escoitar os seus sons, obrigaría a pedir silencio ó mar mentres bate nas rochas ou ignorar a persistencia dos ventos coas súas baladas chegadas alén do Atlántico.

Nos últimos anos, a concienciación da importancia sonora dos espazos que habitamos, derivou na indagación e experimentación de composicións ambientais. En Galicia o colectivo Escoitar, conformado por antropólogos, músicos e artistas multimedia, concibiron un orixinal e interesantísimo mapa sonoro, con gravacións en enclaves tan míticos da Costa da Morte como Fisterra, Touriñán ou Muxía, entre outros.

www.escoitar.org/

mapa sonoro

Transmutando da identificación á evocación polo oído, tampouco nos podemos esquecer daqueles cantares ou melodías, capaces de trasladarnos a ese momento preciso, correspondendo de xeito harmonioso ou non, segundo a nosa subxectividade, con aquel lugar e paisaxe, aínda que ás veces o repertorio tradicional axúdanos a compartir certas nostalxias. Animámosvos a que nos fagades as vosas achegas sonoras, musicais, para facer da paisaxe un espazo común, aquí vai a nosa: “Camariñas”, independentemente do intérprete, un canto indiscutiblemente ligado á beleza da súa terra.

https://www.youtube.com/watch?v=pFjvjovIe9k

Faro Vilán (Camariñas). Foto: Montse Castro

Faro Vilán (Camariñas). Foto: Montse Castro

Advertisements

AS ALDEAS DO ESQUECEMENTO NA COSTA DA MORTE. Cap 2. A ALDEA DO RONCUDO (PONTECESO)

Disque non existe a paisaxe muda, que só temos que pechar os ollos e afinar outros sentidos para comprender que do mesmo modo que o aceptamos coa vista, cada escenario muda cos sons que lle son propios. En Corme (Ponteceso) deron en bautizar a súa batida punta percebeira como “O Roncudo”, gabanza ó asubío dos ventos e ó persistente rouco do mar, que tanto ten por estas costas de hipnótico como de ameazante. O son traizoeiro descrito nos relatos dende antigo por tódalas culturas do mar, cantos de sereas, resón de furnas encantadas e outras melodías de perigoso feitizo.

Punta do Roncudo

Punta do Roncudo

No alto do Cabo outra aldea leva o mesmo nome, trátase da nosa esquecida aldea do Roncudo, designio ou broma do destino, tampouco aquí atoparemos silencio… ó acougar o ar, escoitaremos o run- run persistente neste caso das modernas turbinas.

2

Abandonada progresivamente nas últimas décadas polos seus moradores, houbo quen atopou no azoute dos ventos nestas serras un uso máis prosaico, envolvendo a vella aldea con xigantes feros como sentiría aquel romántico incomprendido, atrapando o lugar nun desmesurado parque eólico paradigma da soberbia progresista fronte a cultura tradicional e a calidade de vida das poucas familias que de resistir historicamente os embates do tempo, e a dureza da vida, curtíronse en todo menos na idea de esquecer e de aceptar que xa non quedan cativos para encher de vida os seus rueiros, aínda menos mal que chegan turistas e sendeiristas – nos contan – para darlle alegría á aldea de cando en cando. Sen establecementos de servizos, queda claro que neste caso o turismo non reportará lucro económico, tal vez sexa este un bo exemplo para que alguén tivera en conta o factor humano e o proveito dunha boa conversa nos plans de xestión e desenvolvemento.

34Na aldea do Roncudo é tempo de esfollar o millo e encher os cabazos de gran para as pitas. Chama a atención o labrado dos campos para os poucos habitantes que aínda os atenden, debe ser que cumpre non deixar de celebrar a case milagreira fertilidade da terra nun outeiro tan exposto á climatoloxía. A vocación agraria amósase na alta concentración de hórreos esparexidos entre as hortas, aínda que a tipoloxía arquitectónica labrega teña que adaptarse ás condicións extremas, procurando a congregación de vivendas como se de vila mariñeira se tratase, sen erguerse demasiado e consolidando a conciencia os elementos máis vulnerables, que para iso na zona ben poden presumir de rexia cantería e dun saber construtivo afeito ós rigores atlánticos.

567 Bo consello seguen aqueles que na súa intención de rehabilitar as vivendas toman nota de todo o aprendido, como tamén sería de agradecer o desenvolvemento de actividades respectuosas coas xentes que aínda ocupan as súas aldeas. Xentes que resisten o embate destes tempos tan estraños, como resistiron secularmente as borrascas, merecedoras dunha paisaxe sonora onde os protagonistas segan a ser o rouco do mar e do vento, e de que as nosas aldeas da Costa da Morte non queden no esquecemento.

89

10

Penedo no cumio do Roncudo. ¿Percebe ou puño en alto?