Arquivo por etiquetas: Patrimonio Cultural Material

As Casas do Mar: Tradición, Extinción ou Reivindicación?

A Galicia maioritariamente rural de non vai tanto tempo, representada como un mosaico de paisaxes contrastadas, de montaña, agra ou costa, ofrecía distintas estampas de vida nun territorio salpicado por vilas e espalladas aldeas. A arquitectura das clases populares, a chamada arquitectura sen arquitectos – ou anónima- máis centrada na función que no ornamento, conformou núcleos de poboación aportando personalidade propia ás distintas rexións e comunidades.

Na franxa costeira, os rigores atlánticos condicionaron o agrupamento das vivendas en enclaves estratéxicos, procurando, de poder ser, o abeiro dos ventos por montes ou outras elevacións xeográficas. A ansia por ocupar os espazos convenientes, reduciu o tamaño dos solares ó mínimo habitable e levou ó amoreamento das vivendas mesmo compartindo medianeras, algo impensable nas aldeas labregas que precisaban determinado acomodo exterior para moitas das súas labores, así como de espazos destinados ó almacenamento e disposición dos apeiros ou carro de labranza.

2.finisterre

Fisterra. Principios do século XX

Nas vilas mariñeiras, o sacrificio de espazos abertos entre filas e casas, definirá os seus tan característicos e angostos rueiros, destacando unha única vía principal apta para o tránsito de mercadorías e acaso outras secundarias cando menos para subir as chalanas no caso de temporal ou vaga de mar. Con todo, non debe o lector imaxinar unha organización urbanística caótica ou escura. Nestas vilas de vocación mariñeira as vistas ó fondeadoiro e a chegada das embarcacións eran tan indispensables como a necesidade de ventilación e luz natural, aproveitando a propia pendente do terreo para acadala, así como respectando a norma básica de camaradería veciñal de non estorbar aos seus conxéneres cun crecemento desproporcionado en altura, en ningún caso superior aos tres andares.

3. muxía 1934

Muxía, 1934. “Maremoto en Muxía”. Foto: Ramon Caamaño

Dentro da arquitectura mariñeira, Pedro de LLano – tal vez o máis reputado dos investigadores en materia de arquitectura popular galega – establece distintas tipoloxías, como a casa terrea (a máis humilde de todas e característica das zonas máis expostas ó vento, deseñada a ras sen elevar ningunha altura), a casa de baixo e andar (reservado o baixo para albergar un ou dous animais – normalmente unha besta – que accede ó dormitorio situado no andar superior por unha escaleira interior), a casa mariñeira con patín ( o aceso ó andar superior é polo exterior), a casa de pincho ( aquela que recrece o faiado para gañar maior espazo interior, recoñecible ó exterior por destacar os muros piñón) ou a casa de remo (tipoloxía propia da área coruñesa, o remo da traiñeira marca a medida que a casa non poderá superar en horizontal).

4.amañando farois de carburo, muxía 1925

Muxía, 1925. A casa medianeira de baixo e altura será a tipoloxía máis estendida na Costa da Morte. O branco encalado do exterior aportaba protección fronte as inclemencias climáticas. Foto: Ramón Caamaño

5. MG_4340

Laxe, 2016. Casas de pincho en estado ruinoso (obsérvense os picudos muros piñón).

Lamentablemente, a transformación sufrida nas últimas décadas nas zonas costeiras, levou a case desaparición dalgunha das tipoloxías citadas no parágrafo anterior así como a desfiguración de moitos conxuntos e vilas, curiosamente coincidindo co relevo dos canteiros por modernos construtores ou o traspaso de responsabilidades dende os acordos non escritos propios da convivencia veciñal a outras normativas alleas, en ocasións insensibles ó patrimonio popular e a miúdo confusas para o vecindario, concluíndo nun desenvolvemento do interese xordo e individualista .

6

Laxe, 2016. A fachada da primeira liña de praia, desvirtúa e oculta unha das máis fermosas vilas mariñeiras da costa, a exploración do seu rueiro descubre exemplos e elementos varios propios das tipoloxías mariñeiras.

Na Galicia tradicional adoecida polo envellecemento e o despoboamento, namentres o mundo cambia a un ritmo fero e estraño, non son poucas nin simples as causas polo que as nosas paisaxes construídas mudan,  esmorecen ou aumentan en grave desproporción o seu número real de habitantes. Entre as razóns de distinta natureza: sociais, económicas ou culturais e ás que incluso deberiamos sumar as particulares historias comarcais ou locais, destacan na degradación das vilas costeiras, a presión turística e a preponderancia dos intereses portuarios ou viarios sobre o patrimonio tradicional, alén dunha visión mal entendida do progreso, que pretende arredar así os complexos e as malas lembranzas de tempos pasados de penuria e pobreza.

Con todo, dentro deste panorama cabe a esperanza fronte a desolación de existir un recoñecemento social que reivindique coma necesidade e dereito o desfrute dunha paisaxe colectiva e harmónica, apreciando aqueles conxuntos mellor conservados e aqueles outros onde aínda resisten certos elementos capaces de identificar o carácter, a cultura e a identidade dun lugar, onde a veciñanza recuperara a súa voz e esta fora, consciente, forte e viva.

7

A vila de Muros catalogada como conxunto histórico – artístico, presenta numerosos exemplos de arquitectura popular mariñeira, o que a diferencia e incrementa interese ó seu atractivo turístico.

Advertisements

As aldeas do esquecemento na Costa da Morte. Cap.3. O Lugar de Xurarantes, Moraime (Muxía)

Aquela mañá a repentina chegada de choivas e ventos do atlántico, enervaban a plácida paisaxe dun outono tan seco como impropio. En Muxía a mar, magnífica, rememoraba a icónica estampa dunha Costa da Morte cargada de romanticismo, beldade salvaxe que pouco entende de sutilezas. Liberarse do seu feitizo suporía un esforzo de vontade, so posible dende a nosa teima por descubrir aqueles espazos menos afamados, onde o rural tradicional aínda representa parte dunha cultura senlleira, día a día menoscabada, reducida e acotío reinterpretada baixo influxos do soberbio e do foráneo.1

2

Visita obrigada a San Xulián de Moraime

Non percorreramos apenas un quilómetro dende a parada obrigada a San Xulián de Moraime cando un conxunto de casas espalladas no baixo do val chamou a nosa atención, a vizosidade das terras de labor e o verdor das praderías da contorna poderían argumentar por se mesmas  a localización no lugar do mosteiro de maior influencia de toda a rexión e posible residencia  real nos tempos da nenez de Alfonso VII, malia a todo, a día de hoxe a capacidade sementeira xa non mide o interese dos sitios e os monumentos obsérvanse como elementos illados de contexto e paisaxe.

IMG_29494

Na aldea do val, ven sendo hora de xantar e a choiva obriga a refuxiarse nas casas, aínda así a excéntrica escena deses recen chegados correndo tras as pitas molladas e fotografando ás vacas como musas prodixiosas esperta a curiosidade da escasa veciñanza. Asomados polo poxigo daquelas portas que tanto expresan: casa con xente, casa sen xente, confianza ou reserva, dannos permiso para continuar tomando notas sobre as súas casas e hórreos con máis estupor que fachenda.

– Teñen motivos para presumir de aldea – comentamos cun dos homes – como é que lle chaman ó lugar?

– Xurarantes- repetimos con el ata tres veces. Como pode ser que con esta sonoridade tan fermosa, esquecéranlle de colocar o nome na entrada?. Será que existen esquecementos moi significativos.

IMG_298967

O noso gusto pola aldea provoca a simpatía do veciño, que nos fala sobre o abandono da labranza e a escasa afluencia de visitas, isto nos sorprende especialmente ao observar a vieira que marca o percorrido que enlaza Compostela coa que lle din a auténtica meta espiritual do Camiño, maquinalmente o home nos explica o tránsito das 8 da mañá dos que se dirixen a Fisterra e aí polas 12 os que corren cara Muxía. Semella que as presas non son amigas de moita parola. Máis abaixo andan a restaurar algunha casa, curiosamente esquecéronse de colocar unha porta de dúas follas e arrombar o poxigo.

891011

AS ALDEAS DO ESQUECEMENTO NA COSTA DA MORTE. Cap.1. O APLAZADOIRO (LAXE)

Contan os vellos da comarca que houbo un tempo no que as terras da chamada hoxe Costa da Morte durmían baixo as augas, disque foi entón cando a mar se ocupou de esculpir os seus caprichos nos penedos e que tempo despois cando o mundo asomou, as mouras afanáronse en desprazalos sobre a testa para construír con eles as súas fornelas…

Penedo integrado na aldea de O Aplazadoiro

Penedo integrado na aldea de O Aplazadoiro

Monumento megalítico

Monumento megalítico “A Fornela dos Mouros” en O Aplazadoiro.

Para narrar esta lenda, un bo contista tería na aldea de O Aplazadoiro o escenario perfecto. Situada a escasos quilómetros da vila turística de Laxe, atópase este esquecido conxunto onde o mundo do imaxinario popular atlántico enrédase entre exemplos dunha arquitectura tradicional en vías de desaparición e outros elementos etnográficos. Doutros tempos aínda perdura algunha casa fidalga coa súa capela, “a dos marqueses” lle din, e de seguro que agocha máis dun capítulo interesante da historia local, aínda por escribir.

hórreosfachada capelaPaisaxe cultural da Costa da Morte, O Aplazadoiro abraia pola cantidade de pegadas do pasado e lecturas da nosa historia, un pequeno recuncho na nosa xeografía, inmenso no seu significado cultural e día a día abandonado polos seus moradores, menosprezado e desprazado por aquelas outras políticas que promocionan a paisaxe da comarca sen comprender onde se atopa o seu valor e identidade.

capela e casas